Abre o albergue de Carril, o primeiro da ruta do mar de Arousa e...
Comeza a funcionar o albergue de peregrinos de Carril. Trátase do primeiro que se pon en servizo na ruta do mar de Arousa e o río Ulla. Coincidindo coa súa apertura, visitaron as instalacións o director de Turismo de Galicia e o alcalde de Vilagarcía. Xosé Merelles e Alberto Varela salientaron que neste proxecto a cooperación entre administracións foi fundamental.
A PDRA rexeita que os lodos da dragaxe do Lérez acaben en Sálvora
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa carga contra a posibilidade de que os fangos da dragaxe do Lérez rematen a escasas millas de Sálvora. O colectivo di que as localizacións que se están a estudar para esas verteduras son letais, porque as correntes arrastran os sedimentos de menor tamaño e máis contaminados cara o interior da ría. Como alternativa, dende a PDRA propoñen outra zona cunha profundidade de 150 metros para depositar residuos. Iso si, só os que proveñan da ría de Arousa e sempre e cando non sexan contaminantes.
O PP de Vilagarcía acusa ao goberno local de mentir de forma sistemática e...
O PP de Vilagarcía denuncia o que consideran continuas mentiras do goberno local. Os populares aseguran que o executivo de Alberto Varela faltou á verdade en asuntos como o asfaltado da rotonda do Cavadelo ou na perda de subvencións. Pídenlle aos socialistas que asuman as súas responsabilidades, que rectifiquen ou que dimitan.
O XIII Foro do Albariño reivindica o enoturismo en Rías Baixas como ferramenta cultural...
O enoturismo centrou o XIII Foro do Albariño e curso de verán da Universidade de Santiago que acolle Terra de Asorei, en Meis. Pola adega están a pasar estes días expertos chegados de distintos puntos de España para abordar o enoturismo como unha ferramenta para preservar a cultura propia e impulsar as economías locais. O foro rematará este sábado en Cambados.
Sanxenxo abre unha céntrica nova rúa con 60 prazas de parking e a previsión...
Xa está aberta ao tráfico en Sanxenxo a nova vía que une as rúas Progreso e Sanxenxo. Trátase dunha rúa que aínda non ten nome, que suporá un alivio para o tráfico nos meses de verán. Conta con 60 prazas de estacionamento. A creación desta vía e das zonas verdes anexas forman parte do proxecto de desenvolvemento urbanístico desta zona, é dicir, foi executada polas construtoras que, no futuro, farán edificios nas parcelas desas rúas.
Recollida de sinaturas en Carracedo para que poñan pasos de peóns na concorrida N-550
A veciñanza de Carracedo, en Caldas, reclama dous pasos de peóns para a concorrida N-550, que atravesa a parroquia. Denuncian que tanto eles como os milleiros de peregrinos que fan o Camiño Portugués vense obrigados a atravesar a estrada a diario poñendo en perigo a súa seguridade. Acaban de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar ao Ministerio de Transportes que atenda dunha vez esta vella reivindicación.
Carril e Bamio estarán definitivamente unidos por unha senda en 2026
Remataron os traballos da nova senda peonil entre as parroquias de Bamio e Carril, en Vilagarcía. Trátase de medio quilómetro no que tamén se creou un acceso ao cemiterio carrilexo a través dunha pasarela. A xunta investiu nesta obra 330.000 euros. Esta mañá visitaron a zona o alcalde e a conselleira de Infraestruturas. María Martínez Allegue avanzou que se lle vai dar continuidade a este novo itinerario ata o núcleo urbano de Carril.
As familias do Piñeiriño entregan 3.300 sinaturas na Xunta para reclamar o desdobre dunha...
Máis de 3.300 sinaturas demostran o apoio ás reclamacións das familias do colexio do Piñeiriño, en Vilagarcía. Demandan á Xunta de Galicia o desdobre dunha aula de infantil, a de cuarto. Explican que hai 19 alumnos, tres con necesidades especiais. Eles computarían o dobre polo que se superaría a ratio establecida de 20 pequenos por aula. Hoxe presentaron as sinaturas na delegación da Xunta en Pontevedra.
Vilagarcía licitará en agosto a reforma da rúa Bouza de Abaixo de Vilaxoán
A Deputación de Pontevedra financiará integramente a renovación da rúa Bouza de Abaixo, en Vilaxoán. A actuación suporá un investimento de máis de 770.00 euros. A intención do concello é sacala a licitación en agosto. A obra, moi demandada pola veciñanza da zona, suporá a transformación total do vial, coa creación dunha plataforma única. Tamén se aproveitará para renovar as acometetidas do saneamento.
Sanxenxo, con oito distintivos, é o municipio de España con máis bandeiras de sendeiros...
Sanxenxo xa presume das súas oito bandeiras de sendeiros azuis. Esta mañá o alcalde e a conselleira de medio ambiente izaron unha desas insignias na Ruta dos Carballos de Aldariz. Telmo Martín e Ángeles Vázquez salientaron que Sanxenxo, ademais de ser o municipio de España con máis bandeiras azuis nas súas praias, é tamén o concello con máis sendeiros azuis. O alcalde comprometeuse a conseguir máis distintivos, implantando un novo sendeiro azul cada ano.

















