A escola infantil de Vilagarcía convértese nun museo polo entroido
Entroido na Escola Infantil de Vilagarcía. A rapazada do centro viviu hoxe a xornada principal do seu entroido. Todos os nenos e nenas foron disfrazados de cadros, co obxectivo de que vaian entrando en contacto coa arte dende ben pequenos. Ademais do baile, organizaron un desfile polo exterior do recinto ante familiares que se achegaron.
Cambados pecha o Ano Asorei co concurso para a rapazada que reintrepreta a obra...
Cambados pecha o Ano Asorei. O último acto dentro desta programación foi a entrega de premios do concurso Reinterpretando a Asorei. Trátase dunha actividade pensada para a rapazada de infantil a secundaria, que lles permitiu descubrir a obra do autor cambadés. Neste certame participaron nove centros de toda Galicia, que participaron este mañá na entrega dos galardóns. Entre os centros recoñecidos, varios centros da nosa contorna.
A conmemoración do 8M arranca no Salnés con ‘Espellos íntimos’, un obradoiro sobre os...
Espellos Íntimos é a primeira proposta do Centro de Información á Muller da Mancomunidade do Salnés para conmemorar o 8 de marzo. O obradoiro desenvolveuse hoxe no Auditorio de Ribadumia, convertido nun espazo de encontro e de escoita das experiencias dunha trintena de mulleres. Empregando ferramentas teatrais, a actividade centrouse nos coidados e no autocoidado.
Martín Códax afonda na sustentabilidade e impulsa a primeira planta de agrocompostaxe do Salnés
No 2026, a comarca do Salnés contará coa súa primeira planta de agrocompostaxe. Trátase dun proxecto impulsado por Bodegas Martín Códax, que busca avanzar na xestión sustentable de residuos e na revalorización dos que se producen na viticultura, como o bagazo ou o raspón da uva. A intención é que se abra tamén aos municipios da contorna. A planta estará situada na finca de Pé Redondo, en Meis, e conta co apoio da Deputación de Pontevedra.
Cambados plasma as enfermidades raras nun mural para insistir na súa visibilización
En Cambados, este venres darase visibilidade ás enfermidades raras. Por iniciativa de GaliciAME e coa colaboración do concello organizarase un acto para conmemorar o Día Mundial das Enfermidades Raras. Ás 12 do mediodía pintarase un mural deseñado para a ocasión, co obxectivo de poñer o foco sobre estas patoloxías e achegalas á sociedade.
Centos de persoas dinlle ‘non’ á violencia nunha concentración no Grove en lembranza de...
Multitudinaria concentración no Grove en repulsa polo falecemento de Andrés Rico, logo de sufrir unha agresión nun partido de balonmán en Vilalonga. A corporación municipal ao completo encabezou un minuto de silencio. Ao acto tamén asistiron o alcalde e concelleiros de Sanxenxo e o presidente da Federación Galega de Balonmán. Todos fixeron un chamamento a reflexionar sobre o acontecido e o incremento da violencia no deporte.
Loito no Grove pola morte do seareiro agredido hai dous meses nun partido de...
Falece o afeccionado agredido hai dous meses nun partido de balonmán no Grove. Trátase de Andrés Rico, un veciño do Grove de 68 anos. Levaba na UCI dende o 15 de decembro, logo de ser agredido nun partido da categoría cadete entre O Rasoeiro e o Sanxenxo que estaba a arbitrar o seu neto. Foi agredido por un seareiro do Rasoeiro, logo de pedirlle que deixase de insultar ao árbitro. O concello do Grove decretou tres días de loito e convocou unha concentración para este martes.
A rapazada do IES Castro Alobre implícase na dinamización do galego aproveitando o Día...
No Instituto Castro Alobre de Vilagarcía conmemoraron hoxe o Día de Rosalía. A rapazada do centro participou nun concurso de deseño de colgadores para móbiles inspirados na poetisa. As mellores propostas incorporáronse a unha creación conxunta coa que aproveitan para recadar fondos para as actividades de dinamización lingüística do instituto.
Os parquistas de Carril defenden o seu proxecto para a nave do Ramal
Os parquistas de Carril negan que nesas instalacións se vaia vender marisco, tal como denuncia a Confraría carrilexa. Aseguran os parquistas que a nave non vai ser unha lonxa encuberta, senón que coa ampliación de usos o que se busca é potenciar o sector e promocionar a ameixa de Carril, tendo en conta que a lonxa estaba a quedar pequena para o volume de produción. Din que a previsión é abrir a nave antes do verán.
Artesa, especializada no envasado e distribución de moluscos, faise co selo Galicia Calidade
A empresa Artesa, especializada en produtos do mar e situada no polígono de Barro, faise co selo de Galicia Calidade. A compañía dedícase sobre todo ao envasado e distribución de vieiras e ourizos. A dirección da empresa salienta que coa certificación do seu produto se lle está dando un valor engadido ao seu traballo. Reivindican a súa calidade e, sobre todo a orixe dos recursos cos que traballan, 100% galegos.

















